- Un universo mítico, máxico e plástico eloxiará o 19 de setembro o esplendor ourensán de hai un século.
- O evento incluirá máis de 12 horas de programación diversa, inclusiva e para toda a familia, tamén para as mascotas.
- Actividades descentralizadas, espazos amplos e control de aforos garantirán a seguridade sanitaria para o desfrute da festa.
Baixo o lema “Celebremos Nós”, o sábado 19 de setembro volve a festa histórica A Bela Auria para recrear o esplendor cultural de Ourense nos anos vinte do século pasado, xusto cando se cumpre o centenario da publicación do primeiro exemplar da revista Nós, e virando desta volta con reberetes de festival literario.
A Bela Auria de 2020 non será outra homenaxe, vai visibilizar aspectos transversais e temáticas que aparecen en NÓS: a infancia, as mulleres que participaron na revista, a sexualidade, a festa, a creatividade ou a música.
Orientamos esta edición da festa dende unha óptica aberta e integradora, con traducións a lingua de signos, espazo amigable coas mascotas, ou música, son e luz sen estridencias. Ademáis estamos a deseñar o recinto desde a sostibilidade, con uso de materiais reciclados e reciclables para dar forma a un universo mítico, máxico e plástico, que acollerá máis de unha ducia de horas de programación recuperando o Ourense clásico, o fervedoiro cultural que era a vida na cidade nos anos 20 do século pasado.
Conscientes das complicacións deste 2020, e as medidas impostas pola pandemia, a festa pensouse con actividades descentralizadas, amplitude de espazos, e control de aforos que nos permitan manter a seguridade do público. Son moitas horas, hai oco para que todo Ourense atope A Bela Auria este día!.
Podedes ir xa remexendo no baúl do faiado, na procura da mellor chaqueta, de boinas e chapeus, faldras e boas de plumas. Sacade as mellores roupas para modear con estilo na elegante, xeitosa, e lucida cidade de NÓS!!