A Bela Auria nos medios
Un ano máis, grazas a todas.
Ao igual que na primeira, estes días de celebración histórica pasados canda vós deixáronos un pouso de ledicia e satisfacción. Ver aos cativos gozar cos xogos tradicionais, bailar cos cabezudos, asombrarse cos descubrimentos arqueolóxicos, soñar coas espadas na man, crear xoguetes con froitos do outono ou voar coa imaxinación dun paxaro de papel é para nós a recompensa aos días de traballo na organización. Asimesmo foi marabilloso ver esas ourensás e ourensáns guapas e elegantes desfilar polo patio de columnas do Liceo entre a proxección de cinema, o concerto de jazz e a sesión de música anos 20. Sodes vós, as participantes e colaboradoras da festa, as que lle dades sentido a todas e cada unha das actividades. Gostamos de compartir con vós esta festa histórica, que ten vocación de continuidade no tempo e de ir medrando pasiño a pasiño ata parecerse o máis posible a un día calquera de celebración na Bela Auria dos anos 20.
Café Cantante
Xa non queda nada pra o gran día! O Café Cantante e a Bela Auria están aquí. Non hai millor xeito de abrir o apetito de festa que botar un ollo á linda estampa que acompaña esta entrada. O mellor coleccionista e divulgador da memoria gráfica da cidade, o noso amigo Rafa de ourensenotempo ten auténticas xoias no seu arquivo. Del son moitos dos aportes fotográficos que podedes ver nas nosas exposicións e nesta web. Así que xa sabedes, se non tedes ideas sobre que look encaixará ben no patio de columnas do Liceo, este sábado a partires das 21:00h aí vos van unhas ideas en forma de chal e chaquetiñas. E o domingo, de mañá a escoitar a Banda Municipal de Música en sesión vermouth no Posío, despois comer unha de polbo e outra de empanada e participar en todas as actividades que vos temos preparadas.
A historia vivida
A fortuna quixo, nesta tarde de treboada en Ourense, que nos atoparamos con Milagros, xerente da Bilbaína durante moitos anos. Contounos historias das artistas que por alí pasaron, dos espectáculos de variedades, música e baile. Ademais tivo a xentileza para con todas as belaurianas e belaurianos de nos ceder o seu ficheiro persoal de artistas, cheo de fotos, nome propios e artísticos e saborosos comentarios do seu bon ou mal facer sobre as táboas deste escenario que vedes á esquerda. Mirando ficha a ficha a un non lle custa traballo imaxinar aos ourensáns, un día de forte choiva coma o de hoxe, sacudindo o gabán ao entrar pola porta, pedindo un café con gotas e sentando a ver como movía as cadeiras ou facía gorgoritos Eva Govania ou Gloria del Mar. Xa tendes preparada a chaqueta e os pantalóns, ou a saia e os tacóns para o baile do sábado no Liceo?
A.L.L. Latin Jazz
No noso afán por revivir o ambiente musical e cultural dos anos 20 e 30 en Auria, nesta II edición traémosvos a través do túnel do tempo o Café Cantante. Os nosos avós pasaban o seu tempo nestes cafés (Bilbaína, Royalty…) escoitando boa música e asistindo a espectáculos de variedades de todo tipo. Para inaugurar o escenario desta nova andaina contaremos con A.L.L. Latin Jazz: Alfonso Medela ao piano, Leo Pimentel á batería e Loren Tabarés ao contrabaixo que nos ofrecerán unha boa ración dos mellores clásicos deste xénero. Xa o sabes, este sábado 29 de outubro no Liceo de Ourense, despois do cinema e antes da sesión de música dos anos 20 despexa os oídos cos A.L.L. Latin Jazz.
Asalto baile
Zapatos de baile ben atados, un combinado para coller enerxías, escolle a túa parella e toma a pista de baile. Todo está permitido no Café Cantante da Bela Auria: claquet, charleston, fox trot, chachachá ou quick step. Deixade levar os vosos pés polos ritmos dos nosos mp3 de pizarra directamente chegados a través do túnel do tempo dende a Bilbaína ou o Royalti aos vosos oídos. O ambiente poñédelo vós o vindeiro sábado 29 no Liceo de Ourense ao remate da sesión de cinema e jazz.
O cinema
Esta ano a Bela Auria quere convidarvos a unha experiencia de viaxe no tempo tamén na xornada do sábado pola noite. Os que vos deixedes caer polo Liceo de Ourense o vindeiro día 29 poderedes gozar unha proxección de cinema mudo coa colaboración do Cine Clube Padre Feijoo. Ao piano Irma Fernández, que ten ao seu cargo musicar a proxección ao estilo da época. Que aínda non tes preparadas as túas mellores galas dos anos 20-30? A que estás agardar. Ao remate do cinema… máis sorpresas!
O século dos nenos II
“A palabra progreso non ten ningún sentido mentres haxa nenos infelices.”
-Albert Einstein-
De todos os dons que atesoura a infancia, a posesión do tempo é o máis singular. Só ela, polo tanto, pode ter en propiedade un século con pleno sentido. Cando no ano 1900 a socióloga Ellen Key afirmou que o XX sería a centuria dos nenos, veu tomar posesión dos seguintes cen anos e a pór de manifesto o nacemento dunha nova conciencia en torno ao mundo da infancia.
Ela falaba directamente para unha xeración, a nacida nos albores do 1900, nenos no momento de pronunciar estas palabras pero adultos no decorrer dos acontecementos, como realizadores e beneficiarios últimos desta transformación.
Non está de mais, após once anos da finalización do s. XX, realizar unha ollada crítica sobre os logros de aqueles anos tendo unha especial atención polo seu influxo en Ourense.
Perlas para os nenos

Exposición que inauguramos e exposición que pre-presentamos. Así introducimos un dos temas que imos tratar nesta edición de A Bela Auria: a infancia. A semana que ven inauguraremos a exposición sobre a historia da infancia en Ourense denominada”O século dos nenos”. Aquí deixamos a súa introdución
.
Volven as vellas imaxes do noso Ourense como volven as memorias. Retornan como flashes, se se me permite o neoloxismo, e en forma de exposición que inauguramos no café Trampitán na praza Maior de Ourense.
Ourense na memoria. Nela poderedes ver unha selección de fotografías da historia de Ourense e dos tempos belos da Bela Auria, recopiladas grazas á inmensa xenerosidade do Arquivo Visual Ourensán e do xornal La Región.
A exposición permanecerá aberta por máis de 15 días ata entrados os días da celebración da nova edición de A Bela Auria. Recomendamos a súa visita pois ten data de caducidade, quizais prematura pero necesaria.
Día de Nós + A Bela Auria
Dende o comité organizador da festa histórica de Ourense “A Bela Auria” queremos poñer en coñecemento de todos os veciños da cidade que a II edición trasládase ao mes de outubro. Facémola coincidir así coa celebración do Día de Nós. Queremos contribuir deste xeito ao fortalecemento desta data xa que cremos firmemente que perseguimos os mesmos obxectivos.
Tanto dende o comité organizador do Día de Nós, do que formamos parte, como dende A Bela Auria animamos a todas as ourensás e ourensáns a participar nos actos que estamos a programar ao redor do día 30 de outubro.
Alí nos veremos coas nosas mellores galas, dispostos a revivir a nosa época gloriosa dos anos 20 e 30.
Xa estamos en marcha
Amigas e amigos da Bela Auria é un pracer anunciarvos que está en marcha a segunda edición da festa histórica de Ourense. A partires de agora manterémosvos informados puntualmente de todos os preparativos. Ao igual que na edición anterior queremos que este humilde blog e a nosa presenza nas redes sociais servan de enlace entre todos vós e máis nós. Dende xa convocámosvos a que comecedes a mover o miolo para darlle forma á caracterización dos vosos personaxes.
De volta ao presente, despois desta marabillosa viaxe no tempo que foi a Bela Auria. Queremos agradecer a todos os que participaron e colaboraron nesta primeira edición, a todos os cidadáns que se achegaron onte a revivir un anaquiño da nosa historia. Graciñas aos Gómes Mouro pola verbena… e pola paciencia e comprensión, e nomeadamente a Cástor e Félix Castro por esas xoias de música de ambiente. Graciñas a Diana Martínez e Emma Méndez de ALEHOU pola dedicación e esforzo. Graciñas a todos os conferenciantes: Ana Cebreiros, Jose María Eguileta, José Cabañas e Jose Ramón Gómez Cachaldora por contaxiarnos da súa sabedoría. Graciñas ao Alexandre e a todos os Rebulir, e aos do Pé Descalzo pola festa que levan con eles. Graciñas ao Coro de Voces Brancas do Orfeón por amosar que hai canteira de futuros cantores en Auria. Graciñas ao coro do Orfeón Unión Ourensá e máis á Coral de Ruada por emocionarnos co seu son. Graciñas a Isabel Pérez, Concelleira de Cultura, por velo claro dende o principio e a Marcos e a Alex polo traballo canda nós. E tamén graciñas aos concelleiros Demetrio Espinosa e Marta Arribas e a todo o persoal da Concellería de Medioambiente e da Concellería de Igualdade, Xuventude e Voluntariado. Graciñas a Xabier e Anxo por ese anaco de historia chamada NÓS, pola súas ideas e polo seu apoio. Graciñas a Lois, Ángeles e demais brinquedios por enredar aos cativos e amosarlles que é posible gozar sen enchufes. Graciñas a Rafa Salgado e ao Arquivo Visual Ourensán por estares apoiando a festa dende o principio e por abrirnos os ollos con Ourense no tempo. Graciñas ao Arquivo Municipal e ao Arquivo de La Región por tan bonitas fotos. Graciñas a Félix e toda a xente de IGAIS por poñer a andar a festa e estar ao pé do canón todo o día. Graciñas a Diego e aos demais membros da Asociación de Esgrima Histórico por ensinarnos as súas artes. Graciñas a Ana Pérez, á Concelleira de Benestar de Allariz Mª Pilar Gallego e a todas as mulleres que compartiron con nós a súa sabedoría sobre herbas mediciñais. Graciñas a Manuel Precedo e a todo o colectivo do Cineclube Padre Feijoo por exercer tan ben o oficio de cinematógrafos. Graciñas a Rubén e máis aos Irmandiños de Seixalbo; a Jose Manuel, Carmen e todos os Amigos da República polo apoio e a participación. Graciñas a Susana, Arturo e a todo o persoal do IES Otero Pedrayo por abrirnos as portas do templo académico de Ourense. Graciñas a Begoña Garrido por nos facer sentir auténticos arqueólogos por un día. Graciñas a Emilio e a toda a organización do Centro Comercial Aberto polo seu traballo. Graciñas a Mercedes Alcalá de Limiar pola ilusión e o ánimo que nos transmitiu. Graciñas a Jose Paz polo seu apoio e a Maribel Outeiriño pola súa ilusión e por ilustrarnos sobre a moda e costumes da época cos seus Catro Tempos. Graciñas a Raúl Pinheiro e a toda a xente da Esmorga, por levarnos de viaxe cos seus contos. Graciñas Juan e toda a tropa de abordo do Picasso pola suor e a simpatía. Graciñas a Bea Hervella polo sol no ceo e polo apoio dende a tele, e graciñas a todos os medios que nos acollestes tan ben. Graciñas a Conchita de Amorín por poñernos tan guapos. Graciñas a Chisco por compartir con nós os primeiros pasos da idea. Graciñas a Natalia e Xúa por querer tanto á Bela Auria e ser motor e inspiración dela. Graciñas a Pablo, Ico e a todos Óscar Allos polo cuarteliño e por ser o espírito da festa. Graciñas, Lele e Alba, por todo o traballo e por axudar a visualizar a idea e a que quede na memoria. Graciñas, David, Lore e Uxía por currar sen perder nunca o sorriso, e graciñas Carlos Rafael por ser un todoterreo. Graciñas, Marta e Bea polas costuras a costa da dor nas costas e pola boa atención aos visitantes. Graciñas a Ángel e Pepe polos arcóns e o trampantollo e parabéns, xunto con Susana, por Julia, que naceu coa sorte da Bela Auria. Graciñas a Carlos por deslombarse con nós, a Reis por aturarnos e levalo todo con sentidiño e a Antía porque será unha das organizadoras dentro de 20 anos.
E todos a pensar dende xa na Bela Auria do ano que ven. Comentarios e correos sexan benvidos.
o máis bonito é empezar
Só hai unha primeira vez, e xa está aquí. Chegou o día de celebrar a nosa ourensanidade na Bela Auria. Podes gozar da festa de mil xeitos diferentes: escoitando as cancións da Coral e do Orfeón; botando un baile cos Gomes Mouro e cos Rebulir; xogando nos obradoiros de Igais e Brinquedia; deixándose levar pola sabedoría dos conferenciantes; sacando unha foto no trampantollo; trasnoitando co Cineclube Padre Feijoo; ou paseando polo Posío a mirar e lucir palmito. Ata comendo unha tortilla na herba. Non hai excusa: estades todas e todos convidados a acudir á Festa Histórica de Ourense. Abonda cun chapeu e moitas gañas de pasalo ben. Viva Ourense. Viva a Bela Auria. Sexan todos benvidos a esta a súa festa.
a playstation de hai 90 anos
Que é o catapiro? E a zoadeira? A que xogaban os avós? Evidentemente, á playsation non. Pero que ben o pasaban, estamos por apostar que millor que o pasan agora os netos. Pero iso poderedes comprobalo, avós e netos xuntos, nesta primeira edición da Bela Auria, xa que os amigos de Brinquedia dannos a oportunidade de gozar cos xogos tradicionais, os de toda a vida, vamos. Os que se xogaban nas céntricas rúas da cidade aló polos anos 20 e 30, entre que pasaba un coche e o outro.






presentándose en sociedade
Sendo as 11:00h da mañá do luns 24 de maio de 2010 preséntase en sociedade esta distinguida festa, que convida a todos os señoritos e señoritas, damas e cabaleiros, pequenas e pequenos, avós e avoas, veciños todos de Auria a acudir lucindo as súas mellores galas de domingo e participar de todas as actividades que conforman o amplo programa da 1ª edición da Festa Histórica de Ourense: A Bela Auria.
Somos unha potencia termal, sí, máis tamén o somos cultural. E así queremos amosalo ano a ano nesta cita. Contamos con todos vós para apoiar a festa dende este primeiro ano que a celebramos e así poder convertila nunha data fixa dentro do calendario anual de eventos na cidade. Unha oportunidade para reivindicar o exemplo de creatividade e participación cidadá que caracteriza a Ourense como cidade.
rolda de prensa
sobre rodas
A menos de 20 días da festa estreanos nova web con toda a información e confirmamos a presenza nesta 1ª edición da Escudería de Automóviles Clásicos de Ourense. Estamos xa desexando gozar da presenza destas auténticas xoias sobre rodas que nos achegarán os amigos da Escudería, presidida por Gaspar Sierra Osorio. Este clube ourensán formado conta con 15 anos de historia e agrupa a 70 socios cunha inquedanza común: o amor polos coches clásicos e antigos, a súa conservación e divulgación. Organizan ao longo do ano rallies de regularidade nos que combinan a súa paixón polos coches coas actividades culturais por toda a provincia.





a historia dentro da historia
A historia é a disciplina, que dun ou douto xeito, cultivaban os intelectuais de principios do século XX en Ourense. É por iso que consideramos como algo imprescindible, á hora de elaborar o programa da Bela Auria, incorporar conferencias que nos axuden a comprender mellor esta época que tanto nos gusta lembrar. Con esta de hoxe iniciamos unha serie de entradas para presentarvos aos conferenciantes. Todos os que vos acheguedes polo paraninfo do instituto Otero Pedrayo, na tarde do domingo día 30 poderedes escoitar a Ana Cebreiros falándonos do papel da muller no bando franquista na provincia de Ourense. Ana Cebreiros é licenciada en Historia pola Universidade de Vigo, obtivo o Diploma de Estudos Avanzados no ano 2008 co traballo “A Sección Feminina en Ourense, 1936-1950”. Actualmente é bolseira predoutoral da Xunta de Galicia “María Barbeito”, compatibilizando labores de investigación coa docencia universitaria.





escoitando os anos 30
Xa nos anos 30 esta cidade era potencia exportadora de talentos artísticos. Non só no plano literario e plástico, se non tamén musical. E é que cando falamos de éxito dun grupo ourensán en canto a número de discos vendidos, de concertos ou de fans probablemente aos nosos contemporáneos veñalles á cabeza Los Suaves. E se nos enteramos de que aló pola década á que nos referimos había un grupo que daba 180 concertos internacionais en xira por América e que gravaba para a Columbia-Regal… de quen vos parece que estamos a falar? Pois sí amigos a Coral de Ruada, o símbolo do éxito musical ourensán. Neste Quer que lle quer que estades a escoitar é moi destacable os arranxos coloristas das voces que acompañan a melodía. Probablemente na súa representación en directo enmarcábase dentro dunha Escena Coral Galega, o modo que a Coral escollía contextualizar escenograficamente os seus concertos. Agradecemos moito aos amigos Cástor e Félix Castro o envío este mp3 para compartir con todos vós e máis á Coral de Ruada por autorizarnos a difundilo aquí.








